Preguntas frecuentes
As dúbidas que aparecen antes de decidirse a probar CALM, respondidas de forma breve e verificable. Se falta algunha, escribide e engádese.
Que é CALM
E, sobre todo, que non é.
- Que é CALM?
- Un comunicador aumentativo. A frase compóñese tocando pictogramas ou escribindo, e un modelo de linguaxe interprétaa, complétaa e enúnciaa en voz alta.
- Para quen está pensado?
- Para persoas con dificultades de linguaxe, fala ou comunicación: afasia tras un ictus, persoas maiores, discapacidade intelectual, alumnado con necesidades educativas especiais. E para os profesionais que as acompañan, que son quen prepara o taboleiro.
- CALM substitúe a unha logopeda ou a outro profesional?
- Non. A determinación do vocabulario que precisa cada persoa correspóndelle á logopeda, ao mestre de Audición e Linguaxe ou ao equipo que a atende. CALM prepara o taboleiro; non decide.
- É un produto sanitario?
- Non. CALM é un recurso de apoio, non un tratamento. Non diagnostica, non trata e non rehabilita, non se afirma eficacia clínica de ningunha clase e non existen estudos que a respalden.
Uso e requisitos
O que fai falta para poñelo en marcha.
- Precisa instalación?
- Non. É unha aplicación web: éntrase desde o navegador e non se instala software no dispositivo.
- Funciona en tableta e en ordenador?
- Si, en ambos. Está pensado para usarse con pantalla táctil ou con rato e teclado indistintamente.
- Precisa conexión a internet?
- Si. O taboleiro e a lectura en voz alta funcionan no propio navegador, pero a resposta xerada precisa servidor. Non existe modo sen conexión.
- Que idiomas admite?
- Galego, castelán, inglés e francés, tanto na interface como na resposta. Ningún plan retira idiomas.
- Que diferenza hai entre CALM e CALM Esencial?
- CALM Esencial é un taboleiro de inicio, reducido, con voz e sen resposta xerada. CALM incorpora a resposta a partir da frase. É a mesma aplicación con distinto alcance, non dous produtos.
- Pódese adaptar o vocabulario?
- Si. Hai buscador de pictogramas, reordenación dentro do taboleiro e dentro da frase, e ocultación de pictogramas ou de grupos completos para reducir a carga cognitiva.
Datos, menores e accesibilidade
A poboación destinataria inclúe menores e persoas con discapacidade, así que aquí non hai ambigüidade posible.
- Como se protexen os datos?
- Almacénanse a conta, o idioma e as frases enviadas ao modelo, necesarias para poder devolver unha resposta. Non se empregan datos reais de pacientes para adestrar ningún sistema. O detalle está na política de privacidade.
- Pode utilizarse con menores?
- Si. A conta dunha persoa menor de idade require o correo do seu titor legal, e a cláusula de autorización está publicada e pode lerse antes de rexistrar a ninguén.
- Que criterios de accesibilidade cumpre?
- Contraste mínimo AA en todo o texto e AAA na interface para persoas adultas, tamaños mínimos en etiquetas e resposta, acceso por teclado —e polo tanto por conmutador— e ningunha información que dependa só da cor. A referencia é EN 301 549 e o Real Decreto 1112/2018. Non existe aínda auditoría externa, e ata tela non se declara conformidade plena.
Avaliación, estado e contacto
Como probalo e en que punto está de verdade.
- Como pode avalialo un centro?
- Creando unha conta e probándoo cun caso real ou simulado, sen contacto comercial previo. A avaliación consiste en comprobar se o vocabulario resulta adecuado, se pode ocultarse e reordenarse, e se a resposta do modelo é defendible ante unha familia.
- Está dispoñible para familias?
- Si. Calquera persoa pode crear unha conta e usalo, sen pasar por un centro.
- En que estado está o produto?
- En fase beta. Hai funcións en desenvolvemento e partes da interface sen rematar. Non hai ningún centro con CALM implantado, ningún piloto activo nin ningún cliente de pago, e faise constar antes de calquera avaliación.
- Canto custa?
- Non hai tarifa publicada aínda. Cando exista, figurará nesta web e non nunha conversa.
- Como se contacta co equipo?
- Por correo, a maieuta.it@gmail.com. Responden directamente as dúas persoas que forman Maieuta, e o prazo habitual é de dous días laborables.
Queda algunha dúbida?
Se a pregunta non está aquí, merece estalo. Escribide e respóndese persoalmente, ademais de engadila a esta páxina.
Continuar por aquí
- Ver que fai CALM e que non
As funcións dispoñibles hoxe en produción, e os límites do produto por escrito.
- Ler a información para centros
Requisitos, accesibilidade, datos e menores: o necesario para xustificar unha avaliación.
- Ler a política de privacidade
Que datos se gardan, para que e durante canto tempo.